16 sept. 2015

Benvid@s ao novo blog

Chegou a hora, é o tempo para despedirse. Este blog que tanto apreciamos deixará de recibir novas entradas. Hai un novo que está a nacer agora mesmo. Como xa imaxinades, chámase Escola de Ismaíl (5)

Ata sempre! :-)

Escola de Ismail 5

30 jul. 2015

Na Ruta da Seda: caderno de viaxe

Poucas cousas resultan máis prezadas para o viaxeiro que o seu caderno. E aínda que este blog de aula xa fixo ese papel, talvez faltaba un último post para contar a nosa experiencia.

Creo que foi en Saidabad onde se preparou a gran viaxe do proxecto. Non o sabiamos naquela ocasión, pero un ano despois empezou todo. E así naceu a historia de Ismaíl na Ruta da Seda.

A princesa Leitzu, tamén chamada Xi Lingshi, fixo de guía para saber de máis personaxes dos contos dese mundo e desa xeografía. Antes, con moita facilidade podía un desorientarse nos desertos da Ruta da Seda ou nas súas xigantescas montañas. Nós, en cambio, viaxamos seguros desde as nosas mesas: China, Mongolia, India, Paquistán, Asia Central, Irán, Iraq, Líbano, Israel, Exipto, Túnez, Alxeria, Marrocos e, por fin, España. E Galicia, claro.

De todas as cidades, Samarcanda foi unha das que máis nos sorprendeu. Sen esquecer, por suposto, lugares tan incribles como a Gran Muralla chinesa, a cidade perdida de Petra ou as pirámides de Exipto xunto ao río Nilo.

As exploracións individuais dos nenos e nenas transformaron a viaxe, e en moitos momentos todos aprendimos de todos: con presentacións, con historias atopadas, con creacións artísticas, con deseños dixitais… No noso blog hai rexistradas ata 21 exploracións individuais e colectivas, pero houbo algunhas máis que gardamos na nosa memoria. Igual que conservamos o mapa desta viaxe, os contos que lemos e e os libros que escribimos: constitúen a nosa cartografía imaxinaria da Ruta da Seda.

Matías Orosa (2015)

25 jun. 2015

Aberto por vacacións

O verán é longo e hai que facer cousas para non estar aburridos. E lembra que xa es máis maior; así que atrévete e, ademais de repasar, resolve tamén as actividades de 1º ESO…

Ademais, en Internet podemos atopar un montón de actividades para descargar, imprimir e facer. Aquí tes algúns exemplos:

Verano 2015

23 jun. 2015

De parte de Ismaíl

De parte de Ismaíl e, sobre todo, de parte miña, claro. Pasade un feliz verán, con alegría e algunha investigación. Os dous desexamos que teñades moita sorte...

18 jun. 2015

Boa viaxe!

Hoxe foi o día grande da Graduación de Sexto, cos rapaces, coas familias, con outros mestres. As emocións estaban a flor de pel, como se di nestes casos, pero eles foron moi valentes.

Realmente significou o final: agora teñen que voar como paxaros libres e atopar o seu sitio noutros lugares. Iso fixo que lembrase o noso fermoso proxecto sobre a Ruta da Seda, que cada un xa converteu no seu libro de experiencias e aventuras. Pero como tamén é un libro de viaxes, e aínda non temos as fotos do acto da graduación, este vídeo quere ser a miña dedicatoria para todos… E como dixen, boa viaxe!

6 jun. 2015

Pequenos moi grandes

Cando remata a excursión de fin de curso, parece que o tempo pasa máis rápido. E o tempo que falta para acabar cada día é menos, pois o 19 de xuño finaliza o curso. Por iso é de agradecer que aínda queden valentes como estes protagonistas: Xabier, Alba, Sergio, Sara Sánchez, Silvia e Adrián Martínez.

Os pequenos máis grandes



1 jun. 2015

Despois da Fervenza do Toxa

Despois de pasar uns días na Granxa Escola Fervenza do Toxa, o curso vai cara o seu final. Por iso, cando te decates, estarás xa pensando no teu instituto e nos estudos da ESO. E este blog, para Ismaíl, será un lugar onde se gardará unha parte da vosa memoria…

20 may. 2015

Daniel e a lenda do Cebreiro

Talvez a Daniel, como lle pasa a Ismaíl, o remate da nosa Ruta da Seda deixouno un pouco triste. E por iso presentou este fermoso traballo cunha vella lenda de Galicia. As lendas e os contos fanse a partir do mesmo material: os soños da xente. Así que hai que felicitalo, pois como xa dixemos noutro post, pasan os anos pero non os nosos soños…

19 may. 2015

Linguas, Mates, Medio [13]

Actividades especiais para a Unidade 13. E tamén hai, como outras veces, algunhas tarefas para repasar. Ah, ten en conta que todo é obrigatorio e necesario…

Lengua Castellana

Matemáticas

Coñecemento do Medio

Santiago Ramón y Cajal foi un gran científico español que descubriu o funcionamento das células nerviosas. Por certo, un dos poucos que logrou o Premio Nobel en asuntos de ciencia e investigación. Así que xa sabes: explora e investiga…

Investiga: Santiago Ramón y Cajal

14 may. 2015

In modo antico

Este grupo de nenos e nenas podería chamarse O Coro da Ruta, pois case sen práctica recitaron un poema de Xosé Filgueira Valverde mentres eran gravados en vídeo. Como actuaron moi ben, seguro que Ismaíl saberá como premiar o seu gran traballo… Abofé!

13 may. 2015

Unha canción de mar

Esta é a semana das Letras Galegas, que, ao parecer, ata chegan a outros sitos da galaxia… Como sabedes, este 17 de maio está dedicado a Xosé Filgueira Valverde, que tamén foi poeta, entre outras cousas. E nós, por iso, estamos lendo, recitando, cantando e gravando algúns dos seus versos.

Canción de mar, de X. Filgueira Valverde

8 may. 2015

Galicia, a última etapa da ruta

Cando empezamos o proxecto, o final parecía moi lonxe, pero chegou. No mes das Letras Galegas, ademais de celebrar a nosa lingua, tamén será a festa do regreso a Galicia. Deixamos atrás altas montañas, desertos inmensos, profundos ríos e, sobre todo, saudamos ás súas xentes, tan iguais a nós.

As tarefas desta última etapa son as seguintes:

  • Na páxina do proxecto, analizarás os enlaces con contos de España, Galicia e Culleredo. Estes, que son poucos, aparecen en Galicia Encantada.
  • Tes que elixir dous, ao teu gusto. Deberás lelos moi ben, para coñecelos e, incluso, para poder contalos.
  • Logo deberás preparar para cada historia algunha sorpresa bonita, asombrosa, marabillosa... Ao final, estará de feito no teu libro.
  • Se queres, e se es valente, poderías facer algunha sorpresa TIC: unha presentación para o proxecto, un arquivo de texto en word, un debuxo dixital…

A sorte é que pode haber outras sorpresas. Por exemplo, Gabriela ten preparado un cursiño de encadernación, e a súa idea aparece na fotografía. Sara Sánchez fixo a Ismaíl coas famosas gomiñas, e seguro que pode ensinarnos os seus trucos… Carla, que é de 4º B, regalounos unha pequena tartaruga realizada tamén con ese material. Serve de metáfora para toda esta experiencia de contos, de historias e de mapas: camiñante, non hai camiño, o camiño faise ao andar…

De Sara Sánchez, Gabriela e Carla  

NOTA: A ver quen descubre ao autor desas últimas palabras, que el escribiu como versos dun poema.

7 may. 2015

Finalistas do IX Premio Espiral de Edublogs

Ismaíl recibiu hoxe unha gran noticia: a súa casa foi nomeada finalista no IX Premio Espiral de Edublogs 2015. Por iso está tan feliz, aínda que agora queda a fase final para saber o resultado definitivo dese concurso. Pero el considera que xa está ben premiado con esta marabillosa compañía: Adrián Blanco, Lucía, David, Pablo, Xabier, Aitana, Natalia, Daniela, Silvia, Adrián Martínez, Daniel, Matías, Diego, Julia, Luis, Alba, Sara Sánchez, Sergio, Nicolás, Gabriela, Hugo, Sara Vázquez, Antón, Ignacio e Javier. E, por suposto, tamén valora e aprecia ás familias e aos compañeiros de Mario, o mestre.

Nada sería igual sen a súa colaboración…

Ismaíl de Saidabad

5 may. 2015

As letras galegas na galaxia

Se observas ben a fotografía, verás que o Sistema Solar está no interior do círculo vermello. A Terra, entón, é tan pequeniña que nin aparece nesta imaxe da Vía Láctea, a nosa galaxia. E a lingua galega fálase aí, nalgún sitio dese planeta que semella perdido nun dos seus brazos.

O proxecto Ismaíl na Ruta da Seda remata precisamente neste mes, na festa das Letras Galegas. O escritor homenaxeado este ano, Xosé Filgueira Valverde, foi un investigador e tamén un poeta. E nós, como pequenos investigadores, temos que descubrir os seus versos. Para xogar así coa poesía e as palabras no camiño que nos trouxo desde China ata Galicia, neste planeta e nesta galaxia…

A nosa galaxia

2 may. 2015

Picasso na Ruta da Seda

O mércores 29 de abril visitamos a exposición sobre a época coruñesa de Pablo Picasso, na Sede Afundación de A Coruña. Nun obradoiro aprenderon a facer unha pequena libreta con materiais sinxelos, que realizaron moi ben. E Antón, cando empezou a facer a súa, tivo unha gran idea. Decidiu a que a súa libreta estaría adornada con motivos do noso proxecto sobre a Ruta da Seda. E así foi e será para sempre…

29 abr. 2015

Linguas, Mates, Medio [12]

Actividades especiais para a Unidade 12, na que estamos. E tamén hai, como sempre, algunhas tarefas para repasar. Ah, ten en conta que todo é obrigatorio e necesario…

Lengua Castellana

Matemáticas

Coñecemento do Medio

Preme: The Virtual Body, Cuerpo Virtual

26 abr. 2015

A caravana de camelos de Bactria

Alba rematou hai tempo aquel cursiño de camelos bactrianos que realizou na clase. Da lista inicial de apuntados, esta é a fotografía final: Silvia, Sara Vázquez, Aitana, Julia, Gabriela, Sara Sánchez, Daniela, Sergio, Alba e Xabier. Pero agora xa temos unha nova actividade: un cursiño de encadernación, e con Gabriela de monitora…

A caravana da Ruta da Seda

24 abr. 2015

A cidade paraíso

Despois de andar polas terras do Magreb, e de coñecer as historias de Tunicia, Alxeria e Marrocos, paramos no estreito de Xibraltar. E antes de cruzalo para volver a España e a Galicia, descubrimos un conto marroquí: A cidade paraíso.

Houbo outros nenos que a descubriron antes, pero ti farás máis cousas. Por exemplo, calcularás o teu nivel de velocidade lectora. Se queres saber este dato, preme aquí.

Os contos da Ruta da Seda

22 abr. 2015

O Día da Terra

22 de abril, Día da Terra… E como se di na Wikipedia, trátase dun día para render homenaxe ao noso planeta e recoñecer á Terra como o noso fogar e a nosa nai. Así foi expresado polas distintas culturas ao longo da historia, que descubriron a relación que hai entre os seus ecosistemas e os seres vivos que a habitamos.

Este vídeo documental sobre o traballo dun gran científico inglés é un regalo de Ismaíl para celebrar esta data. Mira a película o tempo que poidas, escoita e aprende. Logo deixa algún comentario para a Terra e as súas xentes

Por certo, con sorte o próximo curso estarás no instituto. Pero xa sabes tanto da Terra como un neno ou nena de 1º da ESO? Proba aquí.

21 abr. 2015

Os creadores da Ruta da Seda

Como xa contamos, neste proxecto estanse a crear auténticas marabillas. Onte foron Julia e Pablo, e agora aparecen Sergio, Sara Vázquez, Daniela e Sara Sánchez. A mágoa é que non están Gabriela, Aitana e Alba porque o seu ordenador deixou de funcionar. Cousas da tecnoloxía.

Por se non sabes, o 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. Así que algo haberá que facer para que viaxes cos teus libros…

ACTUALIZACIÓN:

  • Gabriela, a pesar das dificultades, intentou por dúas veces realizar unha creación desde a súa casa. E logrouno, por suposto

Preme aquí

20 abr. 2015

Julia e Pablo, os creadores

Esta creación artística e tecnolóxica, feita para o blog con Parapara Animation, é de Julia e Pablo. Ten que ver co noso proxecto Na Ruta da Seda, pero tratáse dun traballo totalmente libre. Agradecemos o seu esforzo, que é unha demostración das nosas posibilidades, que son moitas…

Así que, ánimo e adiante sempre!

17 abr. 2015

O cartel de Ismaíl

A ferramenta Parapara Animation funciona, aínda que ás veces non resulta moi doado gardar os traballos. Así e todo, Ismaíl logrou facer un carteliño para o noso proxecto da Ruta da Seda. Por certo, estamos agardando que todos os viaxeiros estean preparados para continuar. O final está cada día máis próximo e xa sabedes que haberá que chegar ao Estreito de Xibraltar, onde non pode faltar ninguén. Ese será o punto de reunión…

Acude á cita, por favor!

14 abr. 2015

Linguas, Mates, Medio [11]

Actividades especiais para a Unidade 11, na que estamos. E tamén hai, como sempre, algunhas tarefas para repasar, porque son moi necesarias…

Lengua Castellana

Matemáticas

Coñecemento do Medio: Buscar en Abalar e tamén aquí, pero lembra que algúns enlaces poden funcionar mal.

Nutrición, respiración e circulación

12 abr. 2015

Viva Frida Kahlo!

Nesta páxina, que está en inglés, din o seguinte: A pintora mexicana Frida Kahlo foi unha muller de espírito vibrante, tenaz, que se sobrepuxo a unha inxusta adversidade para converterse nun dos artistas máis notables da humanidade e un ser humano de todo corazón… As imaxes que hai nese sitio son dunha escritora e ilustradora que se chama Yuyi Morales, que admira o traballo sen medo e a valentía de Frida Kahlo. Non perdas este vídeo, que é unha fermosura.

E nós, que soubemos desta pintora mediante os traballos que compartimos coa biblioteca do colexio, así vemos a súa obra.

9 abr. 2015

A zapatilla de Rhodopis

Para volver a casa, a nosa Ruta da Seda avanzou polas areas de África coa princesa Rhodopis. Unha vella historia do Antigo Exipto conta que o seu destino cambiou por unha sinxela zapatilla vermella…

Poucos anos antes de que o país fose invadido polos persas, gobernou en Exipto o faraón Amasis. Para protexer o territorio da ameaza do rei persa Ciro, que estaba conquistando todo aquel mundo, o monarca permitiu que os gregos comerciasen e se establecesen sen problemas en Exipto. Por iso, concedeulles a cidade de Naucratis para o seu uso exclusivo.

En Naucratis, preto da desembocadura do Nilo en Canopus, vivía un próspero comerciante grego chamado Charaxos. Nacera na illa de Lesbos, e era irmán da célebre poetisa Safo…

[Ler máis]

6 abr. 2015

Pasan os anos, non os soños

Houbo algúns problemas que impediron o remate dunha vella tarefa. Pero agora creo que será posible. Cambiou o seu nome, e hoxe chámase O dragón e o Caldeiro Máxico. O obxectivo segue a ser o mesmo: recoller e pasar a un formato dixital todas as historias que se coñecen de Ismaíl. Desde a primeira, O pobre Ismaíl (1996), ata a última historia polo momento, O Mundo Gominola (2015).

Os nosos equipos deben empezar outra vez a funcionar. E ninguén esquecerá o que aínda nos queda por facer na Ruta da Seda

O dragón e o Caldeiro Máxico

25 mar. 2015

Aula investigadora 4

Nesta aula tan investigadora segue habendo grandes exploradores, e iso é unha sorte. Aínda que tamén estamos noutras rutas, hai tempo para atopar máis descubrimentos: O Lazarillo de Tormes, Boabdil, Ophelia de William Shakespeare, a teoría do Big Bang, Blas de Lezo, a batalla de Trafalgar, Juan Sebastián Elcano, Junípero Serra, as illas Molucas, Antonio Gaudí, a Praza Registan de Samarcanda, Charles Dickens, Naucratis, a illa de Lesbos, as ruínas de Palmira, na Ruta da Seda

Os que máis exploraron nesta cuarta fase foron: Alba (8), Julia (2), Silvia (4), Javier (5), Gabriela (13), Sara Vázquez (5), Xabier (8), Daniela (3), Matías (3), Nicolás (1), Aitana (12), Sara Sánchez (11), Sergio (2), Antón (4), Pablo (2), Adrián Blanco (4), Natalia (1), Hugo (2), Ignacio (1).

24 mar. 2015

O final da Ruta da Seda

Estamos case ao final de todo, no final do mundo que se chama Galicia. A nosa viaxe pola Ruta da Seda desviouse en Exipto e en África para regresar polo sur. A partir de agora andarás polo Magreb, que está integrado por Túnez, Alxeria e Marrocos. Por iso, ata que Ismaíl volva a xuntarnos no estreito de Xibraltar, deberás facer as seguintes tarefas:

  • Rematar todos os asuntos que teñas pendentes no proxecto. Por exemplo, Rhodopis e os seus debuxos, os seus bocatas ou as estrelas; o tangram chinés; os crebacabezas, se é o caso…
  • Elixir as historias que che gusten de 30 Cuentos del Magreb, de maneira individual ou en grupo pequeno. Desa forma, farás unha parte do camiño ao teu aire, explorando e escoitando as músicas do mundo.
  • Con esas historias irán xurdindo novas actividades que saberás no seu momento, para aprender e compartir.
  • Así que… boa viaxe!

23 mar. 2015

Linguas, Mates, Medio [10]

Aquí temos algunhas actividades especiais para unha nova unidade. E, como xa sabes, preséntanse con tarefas de repaso…

Lengua Castellana

Matemáticas

Coñecemento do Medio: Buscar en Abalar e tamén aquí, pero lembra que algúns enlaces poden funcionar mal.

Muller e ciencia Preme na imaxe para pensar e facer

22 mar. 2015

Alba e Gabriela coa poesía

Coa primavera apareceu o Día Mundial da Poesía e, ademais, chegaron Alba e Gabriela con versos do poeta Gustavo Adolfo Bécquer… Porque hoxe seguen a ser necesarias tanto as palabras como a creatividade da poesía:

De Gustavo Adolfo Bécquer

21 mar. 2015

Javier, programador de Scratch

Scratch é unha ferramenta que permite investigar e xogar coa programación de ordenadores. Javier mostrounos un día na clase como funciona, e as primeiras maneiras para explorar as súas incribles utilidades. Por iso, nomeamos a Javier o noso programador, porque o ten ben merecido. Agora tócalles aos demais aprender con Scratch:
Javier, o programador

19 mar. 2015

O xogo do caldeiro

É certo que xa usaches o caldeiro das historias ou Caldeiro Máxico varias veces. Nunha desas ocasións naceron fermosos contos despois da traballar en equipo. Pero Ismaíl pregúntase se alguén será capaz de sorprendelo con algunha nova historia. Será posible? Mentres agarda, vai xogar a crear monstros mediante un caldeiro diferente…

17 mar. 2015

Papá tamén é famoso!

Como xa sabes que se celebra o 19 de marzo, esta é unha nova actividade. Para poder facela precisarás saber cando naceu o teu pai: o día, o mes e o ano. Vouna explicar…

Aínda que che pareza raro, seguramente non sabes todas as cousas que ocorreron cando naceu o teu pai. Por exemplo, coñeces os nomes da xente famosa que naceron o mesmo día ca el? Ou cales eran os escritores e deportistas máis premiados? Pois todo iso, e moito máis, é o que poderás saber se exploras un pouco.

Neste pequeno proxecto de investigación hai varias fases:

  1. Explicar o significado do seu nome: Significado etimológico de los nombres - Significado dos Nomes (portugués) – Antroponimia - Tus Nombres y Apellidos
  2. Encontrar feitos ou personaxes ilustres ou con certa fama cos que o teu pai comparta a mesma data de aniversario. Por exemplo, actores, músicos, escritores, deportistas, políticos, etc.: Calendario de aniversarios - El almanaque de las efemérides - Hemeroteca ABC - Tabla anual del siglo XX (Wikipedia) - Famous Birthdays, o el cumpreanos dos famosos (inglés) - Deportistas olímpicos (Wikipedia) - Premios Óscar - Premios Nobel
  3. Saber cal era a disposición do Sistema Solar e as estrelas o día no que papá chegou ao mundo: Solar System Scope

Significado dos Nomes

14 mar. 2015

O libro da princesa Leitzu

Se visitas o blog Ítaca, aula TIC descubrirás unha aplicación que se chama StoryJumper. Serve para facer libros dixitais case de estilo profesional. Había tempo que non a usaba, e por iso pensei que á princesa Leitzu gustaríalle aparecer nun libro. E agora xa está…

12 mar. 2015

A festa dos 5000, 2ª parte

A película principal da festa dos 5000 comentarios xa foi publicada. Pero non había sitio para mostrar as bonitas actuacións que vimos aquel día. Por iso aquí está a segunda parte…

6 mar. 2015

A festa dos 5000 comentarios

Tres meses despois da nosa última festa, celebramos os 5.000 comentarios deste blog. Coma sempre, o gran traballo do equipo organizador facilitou que a festa resultara tan perfecta: houbo actuacións musicais e monólogos, houbo moita colaboración familiar e unhas fermosas tartas que aproveitamos ben. Ademais vimos unha película de animación ben bonita: Chicken Run

3 mar. 2015

Con Rhodopis en Exipto

Na nosa Ruta da Seda, deixamos as terras de Asia e entramos en África, pois o proxecto segue adiante. En Exipto, xunto ao río Nilo, atopamos a historia dunha muller chamada Rhodopis. Os investigadores cren que foi unha das primeiras Cincentas, e calzaba unhas zapatillas vermellas que non eran de cristal.

Por certo, nun blog anterior usamos este conto noutra experiencia diferente. Alí resultou moi apreciado, e incluso recoñecido, e por iso Ismaíl agarda que agora tamén gocemos coa historia de Rhodopis

28 feb. 2015

Linguas, Mates, Medio [9]

Con este novo post chega unha nova unidade, e, como xa sabes, preséntase con máis actividades e repasos…
Lengua Castellana
Matemáticas: Proporcionalidad y porcentajes
Coñecemento do Medio: Buscar en Abalar e tamén aquí, pero lembra que algúns enlaces poden funcionar mal.

26 feb. 2015

A primeira historia do Caldeiro Máxico

O Caldeiro Máxico é un artefacto para imaxinar historias, nin máis nin menos. A clase enteira, organizada en pequenos grupos de traballo, inventou contos e xogou coa linguaxe e a escritura. Un deses contos titulado O Mundo Gominola, e que agora imos coñecer, foi escrito por Matías, Sara V., Daniela e Xabier…

Certo día, na aula de 6º B do CEIP Isaac Díaz Pardo, había un anano chamado Ismaíl. Encantábanlle as gominolas, e por iso tiña un tesouro cheo de moedas de ouro e de chocolate.
Unha vez andaba pola clase cando tropezou coa pel dun plátano e desmaiouse. De súpeto, despertou. Diante da súa cara estaba un osiño de gominola observándoo. E Ismaíl preguntoulle…

O Caldeiro Máxico

23 feb. 2015

O Caldeiro Máxico

Hoxe, revisando as tarefas do noso proxecto, Sara Sánchez tivo unha boa idea. Dixo que a último conto desta viaxe debería ser unha historia inventada por eles. Entón, lembrei que O Caldeiro Máxico aínda non aparecera pola clase. Así que por fin chegou o seu momento…

O Caldeiro Máxico é un artefacto para imaxinar historias, e serve tanto para contar ou para escribir. Pero, como funciona? Como podemos inventar historias semellantes ás dos antigos contos?

  1. Revisánse todos os ingredientes do caldeiro. Despois, escollemos ben, tendo en conta que cada un admite múltiples significados e que debe haber sempre un protagonista. Por exemplo, o heroe pode ser un animal mariño, un extraterrestre, a heroína de calquera conto ou unha nena morena. Este procedemento continuará do mesmo modo con cada un dos compoñentes do caldeiro. Ademais, nesta cociña fantástica hai que usar un ingrediente extra, que se recomenda con moita insistencia: imaxinación a granel.
  2. Ao alcanzar esta fase, xa ten que haber unha relación ordenada dos compoñentes da historia. Iniciarase entón a elaboración do relato, e o emprego de borradores de escritura é un elemento indispensable, que xa o sabes. Como a escritura xoga co azar, nesta fase tamén poden nacer novas ideas para o conto. Nese caso, simplemente acéptanse. Tamén cobran grande importancia outros dous ingredientes extras: imaxinación e fantasía.
  3. Finalmente, a historia inventada entrará no momento da edición, para a súa posterior lectura na aula e publicación no blog. Por esa razón, o texto escrito, despois da súa corrección, pásase a limpo empregando diversas técnicas e materiais: a man, dixitalmente… O ingrediente extra máis solicitado nesta fase é, sen ningunha dúbida, a creatividade.

O Caldeiro Máxico

Preme aquí para ver O Caldeiro Máxico.

21 feb. 2015

Resolve este enigma

Aquí tes un novo enigma. Trátase dun pequeno texto sobre a lectura e os libros, e neste caso fala dos sorprendentes atlas. O problema é que o texto está desordenado e deberás escribilo ben para descubrir o que di.

Ademais, terás que averiguar o nome do autor, que foi coñecido con estas tres letras iniciais: R L S… Naceu en Escocia (Gran Bretaña), e por iso escribiu en inglés de frechas negras e tesouros. Como se chamaba?

O atlas de R.L.S.

AVISO: Ismaíl quere entregar ao explorador ou exploradora que acerte unha das súas moedas de ouro máis grandes. Así que…

10 feb. 2015

Os contos da Ruta da Seda

Na nosa viaxe imaxinaria ao redor dos contos da Ruta da Seda, estamos a piques de abandonar o continente de Asia. Así que é un bo momento para lembrar todas esas historias e algunha das súas músicas. Esta é a nosa aprendizaxe baseada nun proxecto:

8 feb. 2015

Fahrenheit sempre vixía

Os monstros da lectura como Fahrenheit sempre están atentos. Ao igual que o curso pasado, os nosos contacontos voluntarios salvan libros e lectores. Pero é importante que ninguén da aula estea atrapado por un monstro. Se a lectura parece vencida, non podemos deixar que iso ocurra…

Os mosntros están en calquera siitio...

7 feb. 2015

O entroido en Galicia

No repositorio de contidos educativos de Abalar, que Aitana investigou ao principio, atopamos esta aplicación para traballar as cuestións relacionadas con esta festa. Pero terás que explorar ben para superar a proba…

Preme na imaxe

5 feb. 2015

As cancións de amor

Hai que seguir o camiño da Ruta, hai que chegar ata o final. Tiñamos o mar Mediterráneo á vista, pero viraremos cara o sur para repetir a viaxe de Ismaíl. Así, descubriremos unha terra de pequenos países pero con grandes problemas: Líbano, Israel, Palestina…

A historia que lerás agora titúlase As cancións de amor. Está en castelán e deberás traducila ao galego, unha antiga lingua de máis de 1000 anos. Por iso, non desaparecerá.

1 feb. 2015

Linguas, Mates, Medio [8]

Con este post chega unha novo unidade, e, como xa sabes, chega con máis actividades e repasos…

Lengua Castellana

Matemáticas: Operaciones con fracciones

Coñecemento do Medio: Buscar en Abalar e tamén aquí, pero lembra que algúns enlaces poden funcionar mal.

29 ene. 2015

Non pararemos en Bagdad

Cada viaxeiro, despois de saber de Samarcanda, elixiu a súa nova historia. Algúns chegaron a Isfahan con aquel rapaz intelixente, outros foron ata a cidade de Bagdad seguindo ao mesmo Simbad o mariñeiro. Pero a nosa ruta aínda non acabou. En min, non sei o motivo, quedou o recordo daquela cidade de torres azuladas

Algunhas historias da Ruta on PhotoPeach

28 ene. 2015

O noso crebacabezas

Que che parecería aprender a facer crebacabezas? Se tes unha resposta afirmativa, entón deberás revisar de cando en vez o blog Ítaca, aula TIC. Mentres, a ver se es capaz de resolver este crebacabezas da nosa aula. Xa sabes que tes que explorar para saber como facer…

Preme aquí para xogar en pantalla grande.

26 ene. 2015

Cursiño de camelos de Bactria

Os camelos de Bactria ou bactrianos son moi coñecidas por Alba, a nosa compañeira. Así que por iso mostrouse disposta a impartir un pequeno curso para aprender a facelos en clase. Evidentemente, ela fará de monitora e tarefa entrará no noso proxecto sobre a Ruta da Seda.

Os seus alumnos serán: Luis, Julia, Lucía, Silvia, Javier, David, Daniel, Sergio, Aitana, Sara Sánchez, Matías, Ignacio, Sara Vázquez, Nicolás e Gabriela. Estes son os materiais que precisaredes: 1 recipiente de cartón de ovos (de media ducia), 2 anaquiños de poliespan, 4 pinzas e 1 rotulador fino de cor negra. Ademais, se queres a figura de Ismaíl, búscaa nos seus blogs (por exemplo na Escola de Ismaíl 1).

Ismaíl e o seu camelo bactriano

18 ene. 2015

A fada de Ismaíl

Cando Alba trouxo un afialapis para Ismaíl, aínda non sabía que andaría pola Ruta da Seda. Agora xa o sabe, e por iso fixo un fermoso traballo, unha sorpresa incrible: un camelo bactriano para que Ismaíl poida viaxar polos mundos.

Alba

14 ene. 2015

Linguas, Mates, Medio [7]

Como ben sabes, o curso segue o seu ritmo e xa estamos en xaneiro. Así que chega unha nova unidade con actividades e repasos.

Lengua Castellana

Matemáticas: Las fracciones

Coñecemento do Medio: Buscar en Abalar e tamén aquí, pero lembra que algúns enlaces poden funcionar mal.

13 ene. 2015

Camino a la escuela

Hoy supe de un documental que no me quiero perder en el cine, si es que llega hasta nosotros. La película se titula Camino a la escuela, y estas son las primeras palabras que leí sobre ella:

Carlitos Yáñez tiene trece años, pero desde los seis cabalga a diario 18 kilómetros por la Patagonia argentina para llegar a la escuela. Adora a Messi, quiere ser veterinario y no se le pasa por la cabeza que alguien que tenga el colegio cerca de su casa no quiera ir… (Leer más)

En resumen, narra la historia real y extraordinaria de cuatro niños, de cuatro héroes cotidianos, que se llaman Jackson, Carlitos, Zahira y Samuel. Deben enfrentarse diariamente a una multitud de adversidades y peligros para llegar a la escuela. Estos niños viven en cuatro puntos muy distantes de la tierra, pero comparten las mismas ganas de aprender y la esperanza en un futuro mejor.

¿Quieres ver otro vídeo sobre esta película? Pulsa aquí

9 ene. 2015

Elixe unha historia e unha sorpresa

Na próxima semana, hai que facer varias cousas en Isfahán. Primeiro, deberás elixir unha das dúas historias presentadas nesa cidade. Tes que lela moi ben, aprendela, e disfrutar coas súas palabras para poder contala na clase. Despois, cando acabes, explora e investiga para mostrar algunha sorpresa con ese conto aprendido. E que farás?

  • Escribe o conto escollido con algunhas ideas túas no vocabulario: máis nomes, adxectivos e verbos; e sen faltas de ortografía, por suposto. A presentación debe ser moi boa.
  • No sitio de Cuaderno Intercultural, que xa coñeces, busca algunha sorpresa para a túa historia.
  • Ou en Enlaces Educativos, que tamén vale, podes atopar esa sorpresa.
  • Se queres e estás en forma , investiga libremente e a ver se nos sorprendes.
  • Por último, non esquezas que en Flipboard temos dúas revistas que tamén son útiles nesta exploración: Na Ruta da Seda e Imaxinario.

5 ene. 2015

Camiño de Isfahán

Xa que os Reis Magos veñen de Oriente, hoxe deixamos a cidade de Samarcanda e seguimos a nosa ruta. Chegaremos a Isfahán ou Ispahán, que está nun país chamado Irán, que para os antigos gregos foi Persia. Hai dúas historias que deberás coñecer:

Como se chama esta ponte? Ver o mapa da cidade de Isfahán.