30 jul. 2015

Na Ruta da Seda: caderno de viaxe

Poucas cousas resultan máis prezadas para o viaxeiro que o seu caderno. E aínda que este blog de aula xa fixo ese papel, talvez faltaba un último post para contar a nosa experiencia.

Creo que foi en Saidabad onde se preparou a gran viaxe do proxecto. Non o sabiamos naquela ocasión, pero un ano despois empezou todo. E así naceu a historia de Ismaíl na Ruta da Seda.

A princesa Leitzu, tamén chamada Xi Lingshi, fixo de guía para saber de máis personaxes dos contos dese mundo e desa xeografía. Antes, con moita facilidade podía un desorientarse nos desertos da Ruta da Seda ou nas súas xigantescas montañas. Nós, en cambio, viaxamos seguros desde as nosas mesas: China, Mongolia, India, Paquistán, Asia Central, Irán, Iraq, Líbano, Israel, Exipto, Túnez, Alxeria, Marrocos e, por fin, España. E Galicia, claro.

De todas as cidades, Samarcanda foi unha das que máis nos sorprendeu. Sen esquecer, por suposto, lugares tan incribles como a Gran Muralla chinesa, a cidade perdida de Petra ou as pirámides de Exipto xunto ao río Nilo.

As exploracións individuais dos nenos e nenas transformaron a viaxe, e en moitos momentos todos aprendimos de todos: con presentacións, con historias atopadas, con creacións artísticas, con deseños dixitais… No noso blog hai rexistradas ata 21 exploracións individuais e colectivas, pero houbo algunhas máis que gardamos na nosa memoria. Igual que conservamos o mapa desta viaxe, os contos que lemos e e os libros que escribimos: constitúen a nosa cartografía imaxinaria da Ruta da Seda.

Matías Orosa (2015)